sábado, 1 de abril de 2017

Lembranzas de Irlanda: Binn Éadair e a hospitalidade.



Terceira e, agás que mañan sexa un día mellor do esperado, derradeira entrada da serie sobre Eíre. Hoxe, vou falarvos do que é un dos pobos máis bonitos do Condado de Finegal -un invento administrativo para administra-la zona de Áth Cliath- e da Costa Este: Binn Éadair.




Binn Éadair érguese na cara norte do Cenn Bhin Éadair -non son moi orixináis cos nomes, se tes unha montaña nun pobo, chámase "Nomedopobo Head"-, unha antigua illa, hoxe península, que pecha polo norte a bahía de Áth Cliath. Da súa xeografía destacan os acantilados que percorren o Cenn e a illa coñecida como "Ollo de Irlanda", reserva natural por ser punto de paso de moitas aves. É un pobo pequeno, agradable e -cousa rara rarísima en Eíre- pesqueiro. Por todo isto e por ter conexión directa, vía DART -que en gaélico debe significar tren do demo máis lento que as obras do AVE galego- é un dos destiños máis populares para os turistas. Xa dixera que odio ter turistas ó meu arredor, pero o de Binn Éadair era outro nivel, entre outras cousas, porque eran todo estudantes de 15-17 anos, moitos deles españóis e maleducados. O feito de que, tendo iso en conta, collera o DART de volta contento coa visita pode darvos unha idea do agradable que é o pobo.




Pode que o feito de ter comido peixe -bo, pota, pero seafood any way- influíra un pouquiño. Pero a verdade é que foi unha visita interesante que terei que repetir, porque deixara cousas sen ver, algunhas delas importantes. Se tedes a oportunidade de visitalo, non deixedes de percorre-lo porto e disfrutar dos cantantes de folk que pódense atopar ó longo do camiño. E, por suposto, se levas o tempo suficinte en Eíre, para recarga-las pilas comendo nun dos moitos restaurantes de pescado do porto, fresco e desembarcado na mesma mañan. 


Comin ben e barato -barato para ser Eíre-, de xeito que vou deixalo recomendado.


Binn Éadair foi invadido polos nórdicos no século IX e, cando o Alto Rei de Irlanda rexeitou ós norses no XI, foi o punto onde reagrupáranse cara a unha nova batalla, que aconteceu en Fingal cunha nova victoria do Alto Rei. Dende ese momento, Binn Éadair cambiou de mans, sendo controlada alternamente polos irlandeses e os norses ate a chegada dos normandos no século XII, sendo un dos puntos de entrada para a conquista normanda de Eíre. Foran eles os que estableceran o título de Conde de Howth, aínda activo.




E son os Condes de Howth os co-protagonistas dunha curiosa historia. A outra é a famosa pirata irlandesa Gráinne Ní Mháille. A de Gráinne é unha figura de lenda en Eíre, en boa medida polo seu xénero e o xeito no que moveuse en roles tradicionalmente masculinos, non só por pirata, senon por ser a cabeza dun Clan, algo pouco habitual dende a chegada á illa do cristianismo. Contemporánea de Isabel I de Inglaterra, coa que tivo unha relación curiosa canto menos que rematou cun perdón real e a concesión de terras a antiga pirata, Gráinne foi coñecida como a Raíña do Mar de Connacht. E conta a lenda que, en 1576, Gráinne chegou unha noite a Binn Éadair e dirixiuse ó castelo dos Condes de Howth, pedindo cea e cama para pasa-la noite. Pero, ó chegar, Gráinne atopou pechadas as portas, e o Conde negouse a abrilas. Gráinne o considerou non só unha ofensa persoal, senon unha violación das leis de hospitalidade irlandesas -como cabeza dun Clan, malia a súa ocupación, Gráinne era nobre-, de xeito que decidiu vengarse secuestrando ó fillo e herdeiro do Conde.




E diredes, "Bo, unha pirata secuestrando ó fillo dun nobre, o pan noso...". Sí. E non. Porque Gráinne, dándome a razón cinco séculos antes do meu nacemento, demostrou que os irlandeses son xente especial. Para libera-lo fillo do Conde de Howth, Gráinne non esixiu ouro nen xoias, senon algo moito máis sinxelo: que, en adiante, no castelo dos Condes, houbera sempre espazo e cea para un visitante inesperado e que as portas de Deer Park, as terras do Conde, ficaran sempre abertas. E o Conde cumpriu, de xeito que as portas do seu estado continúan abertas a día de hoxe e, nas ceas oficiáis no castelo, sempre hai unha cadeira e unha cea dispostas por se un visitante inesperado chegara e solicitara a hospitalidade dos herdeiros dos Condes.





A importancia das leis de hospitalidade na cultura celta e o xeito nos que os normandos conqueriran Eíre -como minoría- fixo que, cinco séculos tra-la conquista, unha infracción deste xeito fora vista como unha gran ofensa, non só contra o perxudicado, senon contra toda unha cultura e un pobo, ate o punto de deixar unha marca en forma de tradición que pervive ate o día de hoxe. Os irlandeses son moi irlandeses e moito irlandeses.

En resumo, a de Binn Éadair foi unha boa visita, tanto no turístico como no cultural, que permitiume achegarme un pouco máis á idiosincrasia dun pobo, o irlandés, tan próximo e ó tempo tan distante do noso. Abondarei máis adiante nese tema porque, dalgún xeito -que é a verdadeira razón desta serie-, creo que Eíre e Galiza, coas súas diferencias, comparten algunha clase de vínculo cultural, vestixio de historias irmás e que, canto máis coñezo de Eíre, máis preto estou de coñecer Galiza.