luns, 27 de marzo de 2017

Lembranzas de Irlanda: The rare ould times.



Fare thee well, sweet Anna Liffey,
I can no longer stay
and watch the new glass cager
that spring up along the quay.
My mind's too full of memories,
too old to hear new chimes,
I'm a part of what was Dublin
in the rare ould times.

É difícil escoitar en The Rare Ould Times ó pobre Sean Dempsey e non sentir unha certa pena. Sean, o narrador desta canción interpretada por Flogging Molly ou The Dubliners, entre outros, fala do xeito no que "Dublin Town" convértese, día a día, nunha cidade moderna. Dixera xa na derradeira entrada que o concepto irlandés de cidade non é o mesmo que o noso, pero aínda tendo iso en conta, o proceso de modernización foi moi traumático para moitos dublineses. Malia que xa era a capital, Dublín mantivo e mantén o título de "Pobo" con orgullo. E logo en Madrí pensades que sodes orixináis. De feito, o nome en gaélico é Baile Átha Cliath inclúe a palabra "Baile", que significa, precisamente, pobo.


Anna Liffey é o nome popular do río Liffey, que atravesa Áth Cliath.


Os dous nomes de Áth Cliath fan referencia, dalgún xeito, ó río Liffey, o gaélico a un vado con cañizo, e o anglonormando a unha "lagoa negra" das que abondaban na zona. E é que a doce Anna (do gaélico an, río) é parte importante da vida da cidade. Históricamente, Áth Cliath asentábase na marxe sur do río, onde atópanse a maior parte dos distritos e monumentos históricos. Pero a súa poboación creceu e, cando chegou o momento, cruzou o río para conqueri-la marxe norte e crecer polo que hoxe son os suburbios máis modernos. É por iso que un tour polo Town basease na marxe sur, onde pódense atopar a maior parte dos monumentos e pubs.


Merchant's Arch é unha das entradas máis coñecidas e estreitas de Temple Bar.


O certo é que, desta volta, tiña menos ambicións que cando cheguei en Novembro, e moitas das cousas que Áth Cliath pode ofertar xa as tiña vistas. É unha cidade pequena, sen moito que ver en cantidade, pero -e iso é o máis importante- é unha cidade con moitos detalles. Parece unha chorrada, pero podería pasexar por algunhas zonas da marxe sur do Liffey mil veces e atopar algo novo á mil e unha. Hai cidades así, de detalle máis que de grandeza, e sen dúbida son das que máis disfruto. Por iso vou amosarvos unha parte moi pequena de Áth Cliath: onte non tiña intencións de visitar toda a cidade, senon de tentar de capturar a esencia da mesma. E, por iso, escollín Temple Bar e os seus arredores. 





O bo de Temple Bar é que é ten moitísima vida. O malo é que está cheo de turistas. Que sí, que eu son turista tamén, pero non por iso vou deixar de queixarme polos demáis. Empreguei boa parte do día nunha andaina pola zona e a outra boa parte no Temple Bar -o pub Temple Bar, un dos máis famosos da cidade e que defende que a zona chámase así polo pub, e non ó revés-, escoitando a unha das súas afamadas bandas de música tradicional cun whiskey na man. O Temple Bar é bastante grande, pero é difícil atopalo baleiro, pois goza dunha fama ben merecida pola calidade das bandas que sempre -sempre- están dando concertos e polo seu whiskey da casa. Como curiosidade, é neste pub onde, entre o 12 e o 17 de Xuño de 2011, o guitarrista Dave Browne bateu o record Guinness de actuación de guitarra máis longa con 114 horas. É, sen dúbida, un must para calqueira de visita en Áth Cliath. 

A verdade é que non hai moito máis que contar, foi unha visita máis de detalles xa digo, de xeito que vou deixarvos algúns máis en forma de fotografías. Que as disfrutedes.


Mercado de libros de segunda man. Levo tres mapas do s. XIX á casa.


Outra cousa non, pero as cousas craras. 


The Quarter Mile foron os encargados de ameniza-la tarde no Temple. Bestiáis.


Pebeteiros e banderíns sen motivo aparente. 


A de Molly Malone é unha canción triste, 
considerada himno non oficial de Áth Cliath.


É o mellor anuncio de ostras que vira. Ese punto de sutileza irlandesa...


Aquí o tempo non pérdese, invértese.


Tra-la visita ó Temple Bar, e despois de mercar tres mapas antigos no mercado de libros de segunda man -cando un é un freak, o é ate fora do país-, dirixinme á marxe norte, onde álzase a General Post Office, escenario do Alzamento de Pascua, destruido polos británicos durante o mesmo e que aínda conserva na fachada as marcas de disparos. E, diante dela, The Spire, a escultura máis alta do mundo e motivo de orgullo para os Dublineses. De feito, fun só para facer esta foto que molaba moitísimo máis na miña cabeza, porque eu gostar, o que dícese gostar, non gosto dela. Pero bo, eles sí, que é o importante.


Que digan o que queiran, é un pau. Un pau enorme, pero un pau.


E volta a casa. Polo camiño tive a oportunidade de admirar unha imaxe preciosa -a que vai pecha-la entrada- no cume do GPO. Unha pena non ter a capacidade de reproducila tal como eu a vira, pero o vento e a luz fixeran causa común coa miña carencia de habilidade. Tras pasar outros quince minutos tentando de atopa-la foto perfecta, rendinme á evidencia e crucei a ponte de O'Conell, da que non hai foto, en boa medida, porque é a única ponte máis ancha que longa do mundo -de feito, a primeira vez que a vira pensei que era unha praza- e á que teño un certo cariño, porque nos seus catro recantos érguense sendas bandeiras das catro provincias de Irlanda. É unha imaxe bonita de ver, e foi a derradeira do día antes de colle-lo tren en Tara e voltar a Bré.


A alegoría de Eíre coa bandeira ó vento. E isto non é nada...


Vai quedando pouco para rematar esta viaxe. Teño aínda algunhas cousas no tinteiro sobre a Illa Esmeralda. Espero que esta serie vos meta no corpo as ganas de viaxar e coñecer esta terra que, para min é tan especial e próxima á propia Galiza.

Ningún comentario:

Publicar un comentario