mércores, 22 de marzo de 2017

Lembranzas de Irlanda: Bré e o seu Wyvern.



Estou en Irlanda. Levo un rato tentando de atopar unha entrada con gancho para vos, pero non teño o día de frases, de xeito que só vou comenzar cun "Estou en Irlanda". Como hai uns meses, estou traballando nun pobo ó sur da capital (en realidade, ó norte de Cill Mhatáin) para un colexio español. Xa coñecera o pobo hai anos, porque estudara no mesmo colexio e, en esencia, estou de profesor duns nenos que están a facer o que eu fixera hai once anos. Algo xa vos contara. O bo que teño é que, desta volta, non son novo xa, e a inquetude pódeme, de xeito que estou aproveitando para moverme un pouquiño máis que o mes pasado, procurando cousas que fotografiar e historias que contar. "E, por onde vas empezar?", preguntaredevos. Pois polo principio, por suposto. E, cando tes unha base de operacións, o máis lóxico é empezar por iso.


Bré, malia que non é parte de Baile Atha Cliath (Dublin), senon de Cill Mhatáin (Wicklow), é parte da coroa metropolitana da capital, a trinta kilómetros do Town. É, en boa medida, un pobo subsidiario que creceu nas derradeiras décadas á sombra da capital, ate chegar ós 30.000 habitantes sen crecer en tamaño. O poboamento irlandés é moi similar nalgúns aspectos ó galego, pois é moi disperso, pero cunha orde e unha elegancia typical british. O concepto de cidade é para eles diferente ó noso. De xeito, o tamaño do "pobo", é dicir, do que poderíase chamar centro, é o dun pobo de, como moito dous ou tres mil habitantes, cunha sóa rúa principal. A maior parte de Bré son os chamados "states", un punto intermedio entre urbanización e rúa. Xeográficamente, Bré ubícase na súa propia bahía, que comenza en Deilignis, final da bahía de Dublin, e remata nos acantilados que separan Bré de Na Clocha Liatha, baixo o Ceann Bhré. En tempos medieváis, foi o remate sur da comarca de An Pháil (A Empalizada), a comarca baixo goberno directo dos Reis de Inglaterra.




Os irlandeses son xente estrana, dun certo xeito. Malia que é un dos países máis similares ó noso en moitísimos aspectos e un daqueles nos que menos estranxeiros sentímonos (agás co pescado, caghonacona, o do puto pescado non ten nome), teñen algúns puntos na súa personalidade que reflexan unha sociedade moi peculiar. Cando che contan sobre o Alzamento de Pascua, por exemplo, atopas (documentado) que os líderes sabían que non ían triunfar, porque non tiñan apoio suficinte pero que o mero feito de alzarse e sufri-lo rexeito dos propios irlandeses faría máis forte a causa republicana. E así foi, o alzamento tivo pouco apoio por parte do pobo que, tra-lo seu fracaso, mudou a súa opinión e comenzou a camiñar cara á independencia. Están tolos estes hibernos.

Pero, para min, esta tolería ten unha historia aparexada a Bré e o seu xa mentado noutra entrada Wyvern.



Contábanos Fiona, a profesora que tive os dous anos que vira á Illa, que o Wyvern foi un "regalo" do Señor feudal de Bré, Lord Meath. Os Brabazon (coñecidos popularmente como Brabs) foron señores de Kilruddery, preto de Bré, dende o século XVI e, en 1627, foran creados Condes de Meath. Descoñezo, persoalmente, o motivo do nome do título, ostentado tamén por unha das cúige ou provincias orixinais, na que asentábase Tara, a Corte do Alto Rei de Irlanda, e polo actual Condado de Meath, moito máis ó norte que Bré. O caso, que marcho polas ramas, é que, dende 1627, os Brabs foron Condes de Meath e señores feudáis de Bré, onde eran coñecidos co título de Lord Meath. Aconteceu entón unha revolta polos impostos que Lord Meath sofocou con dificultade. Ó normal para un can. Pero Lord Meath, que considerábase un bo señor, sentiuse traicionado polo seu pobo, e mandou erguer diante da Casa do Concello -agora un McDonald's, a inxustiza do mundo moderno faime chorar- a estatua dun Wyvern sostindo o blasón da súa Casa (de gules á banda de ouro cargada de tres merletes de sabre) cunha inscrición que pide ás futuras xeracións lembrar o vil e traicioneiro do ingrato pobo de Bré, que ergueuse contra o seu bo señor por unha causa inxusta. O mellor? Que a xente de Bré non só mantén o Wyvern, senon que síntense moi orgullosa da estatua na que o seu señor chámalles traidores.

O certo é que non fun capaz de atopar esa historia noutras fontes. Pero bo, as mellores historias non vas atopalas dun xeito sinxelo.

·~·~·~·~·~·~·~·~·~·~·~·~·~·~·~·~·~·~·~·~·~·~·~·~·~·~·~·~·

Este blog non é senon fuxir hacia diante, e as cousas veñen como veñen. E agora... bo, agora toca Irlanda. Teño intencións de continuar deixando testemuña das miñas andanzas pola Illa Esmeralda, e esta é só a primeira dunha serie de entradas sobre a verde Erín.


Aínda queda moito camiño por percorrer.

Ningún comentario:

Publicar un comentario