xoves, 9 de febreiro de 2017

Fuxindo - Baiona e A Guarda

Cando Lorca escribiu aquilo de...

Chove en Santiago,
meu doce amor,
camelia branca do ar,
brila, entebrecida, ao sol.

...estou convencido de que non tiña en mente a costa galega con temporal. Non é por nada, pero os temporáis en Galiza son mais dun jar roc jaleluya  que de verbas doces. Pero Lorca non era galego, senon granaíno, e teño que disculparlle o erro. Bastante temos que agradecerlle o interese que tivo na nosa terra como para discutir con él sobre se a choiva en Galiza é algo do que cantar con embeleso.

O caso é que, malia que en Madrí haxa quen non quera creelo, estamos a disfrutar dunha racha de temporáis deseñados para lembrarnos que o verde non é de balde. Que xa estábamos nós a pensar que o de Galifornia non era unha mala broma. As últimas semanas foron choiva e vento, un pouco para darlle a razón á xente que pensa que Galiza é... bo, iso, choiva e vento. Agás onte e hoxe, por certo. E eu, que levo as últimas semanas rosmando por non poder saír a facer fotos, tive a oportunidade de saír da cova. Onte fun a Canido, que ten un porto pequeno e bastante mono (unha vez decides non mirar hacia Vigo, que rompe un pouco a maxia), e hoxe, cun novo temporal pisandome os pés, a Baiona e A Guarda.


A borrasca que temos diante de Galiza é unha pasada.
Os créditos da imaxe son para a NOAA.


A Guarda é o estremo suroccidental de Pontevedra, ese recuncho xunto a Portugal. De feito, teño bastante craro que o nome é unha referencia á súa condición de posto fronterizo. A miña idea era ir Á Guarda para visitar Santa Trega, o derradeiro dos montes da costa galega. Pero, para iso, tiña que percorre-la costa que queda ó sur de Vigo, unha das miñas rutas favoritas. Esta estrada pasa por Nigrán e Baiona, que é un dos pobos mais bonitos de Galiza. Mais adiante, chegamos á curva de Baiona, lugar temido e con motivos polos estudantes de Ciencias do Mar de Vigo, unha curva umbría á que os profesores de Xeoloxía de primeiro teñen a ben levarnos para quitarnos da cabeza o romanticismo sobre a carreira. Pero esta vez era eu quen decidía a actividade e, pasando de fallas e diaclasas (perdoade, en serio, non era o día), fun ó miradoiro de enfrente. Porque a curva non só é un dos exemplos mais accesibles de formacións xeolóxicas preto de Vigo, tamén é un dos mellores oteadeiros da zona para observar oleaxe pola súa situación e forma. Hai tamén outro cerca da Cuncheira, non moi lonxe, pero penseino tarde.




A verdade é que, sen ser o mais espectacular que vira, hoxe estaba francamente espectacular e pasei un bo rato botando ráfagas a distintos trenes de ondas. Converxían dúas circunstancias positivas, a verdade, dunha banda o temporal que viña e, doutra, que o tempo era bo aínda en terra, de xeito que tiñamos ondas de pretemporal sen choiva. 


Mais simpática a gaivota...


Seguindo a liña de costa, atopeime cun cartaz que sinalaba ó faro de Cabo Silleiro. E collín á esquerda, porque non o coñecía e iso é algo realmente pouco disculpable. A importancia de Cabo Silleiro é puramente xeográfica. Aínda que moita xente considera que a Ría de Vigo termina pola zona de Cabo Estai, o certo é que A Ramallosa é aínda parte da ría. O punto que marca o fin da mesma é Cabo Silleiro, visita obrigada no tour das Rías Baixas polas súas vistas das Cíes. Esta zona ten a particularidade de ter sido un dos puntos importantes da defensa naval da costa galega recente, amosando varias torres defensivas, algunhas con cañones inutilizados.


O faro estaba pechado, por desgraza.


Despois de Silleiro, chega a costa que comprende os Concellos de Oia, O Rosal e A Guarda, unha rara avis da fisionomía costeira galega. ¿Por qué? Pois porque é unha recta. ¡Unha puta recta!¡Na costa galega! A verdade é que non é o único particular da zona. O tramo entre Silleiro e o Miño é, literalmente, unha serra ó borde da mar. Non sei que pasaba pola cabeza dos primeiros homes que chegaron alí e dixeron "Oh, qué sitio mais fantástico para monta-la aldea, ¿non?". Toda a franxa é un talud continuo sen un mísero recuncho de terra chá. Mentres percorres a estrada cara a Portugal vas deixando á esquerda as montañas e a civilización, e á dereita o mar aberto que, en días como hoxe, é un espectáculo de espuma. Hai estradas que tes que ver en días como o de hoxe. Ó final, chegas Á Guarda, na desembocadura do Miño, un Concello no que pódense atopar moitas cousas de interese. Pero hoxe tocaba Santa Trega, e alí subin. Santa Trega é outro dos destinos obrigados para os estudantes de Ciencias do Mar, que aínda que queixémonos, tamén imos a sitios bonitos. Pero, mais que pola súa interese xeolóxica, Santa Trega é un sitio que calqueira pode disfrutar, grazas ó seu castro celta e ás impresionantes vistas que hai na cúspide.


O Castro de Santa Trega foi bastante grande, mais do que aparece na imaxe. Algúns edificios foron reconstruidos, pero a maior parte só foi escavada.


Unha vez no pico, a panorámica é xenial, mires onde mires. Ó norte, o camiño xa percorrido, co porto de A Guarda ós pes. Ó este, os xiros fináis do val do Miño, coas súas illas. Ó sur, Portugal, co forte de Ínsua na súa illa. E, finalmente, o mar. Pensaba traervos fotos que respaldaran as miñas afirmacións, de verdade.


Algunha teño, ¿vale? A desembocadura do Miño dende A Guarda.


Pero entón chegou o "furacán", como o chamaran no periódico, esa borrasca tan mona da primeira imaxe. E Santa Trega é bonita, pero non é un bo resgardo ante o temporal. Cun vento que levábase a cámara con trípode incluído, non tiña outra opción que pechar e marchar á casa. Deume moito noxo non ter a habilidade ou o equipo para seguir, pero o peor chegou xa no coche, mentres gardaba as cousas, cando a tormenta tocou terra arredor do monte e o mundo tornouse tempestade. Foi realmente espectacular, e se non teño queixas da viaxe de volta -que miña nai do amor fermoso - é porque síntome realmente afortunado de ter visto algo tan espectacular. Malia que non fora capaz de rexistralo para vos.


A foto é unha merda, pero iso é o temporal. Dez minutos precisou para chegar a terra.


Non era a miña idea facer posts deste xeito, sendo sinceiro. Pero, agora mesmo, estou limitado polo tempo para facer o que pretendo. Ogallá o disfrutedes tanto coma min, de todo xeito.

Ningún comentario:

Publicar un comentario