xoves, 19 de xaneiro de 2017

A traxe do Tío Baldomero.

Todo o mundo coincidía en que Billy era un bo home, dun xeito moi similar ó que aplicaban á súa muller, Joan. Eu coñecín a Billy en Bré, un pobo mediano da costa de Irlanda, onde fun un par de meses co colexio. O meu compañeiro o segundo ano, Pablo Gómez, xa quedara outros anos con Billy e Joan pero, ese ano, non acollían estudantes. Billy, contábanme, tiña un cancro, un deses cancros nos que o médico non pensa un tratamento, senón un prazo. Pablo e eu quedamos noutra casa do barrio, pero visitamos un par de veces a Billy e Joan ao longo do mes.


O Seafront de Bré. 


Pasados dez anos, entre Novembro e Decembro do ano pasado, voltei a Bré. Foi unha destas veces nas que unha mala situación vóltase do revés en forma de oportunidade e, de pronto, estaba camiño de Bré para traballar co mesmo Colexio co que fun á Illa Esmeralda. Non vou aburrirvos cos pensamentos de alguén que volta a un sitio especial dez anos despois, non hoxe, alomenos, pero é preciso para introducir. Chegado a Bré descubrín, entre outras cousas, que Joan aínda acollía estudantes, e que a xente aínda lembraba a Billy. E, cando saía o tema, eu lles contaba a historia da traxe do Tío Baldomero.


Hai dez anos, nunha das visitas á casa de Billy e Joan, Billy entendeu o meu apelido. Durante os anos que estive en Madrid, os compañeiros coñecíanme como Pereira -práctico cando tes tres ou catro Pablos no curso-, e Pablo chamábame así. Supoño que algunha xente non chegou a saber que Pereira non era o meu nome, pero Billy deuse conta, e fixo unha das preguntas mais curiosas que recibira nunca. Preguntou se tiña un familiar que fora xastre en México. E eu, cos ollos como pratos, respondín que sí. Billy estaba a falarme do Tío Baldomero.


O Tío Baldomero cunha coroza.


O Tío Baldomero -que é unha destas persoas que levan o parentesco como un título, do mesmo xeito que dirías "Doutor" ou "Don"- foi un caso. Tío do meu avó, decidiu facer as Américas e cruzou o charco. A súa foi unha desas vidas que poderían inspirar unha novela, con viaxes, reveses, triunfos, e amores, como a bailaora coñecida como "La Argentinita", da que aínda temos fotos e un par de castañolas. Viviu na Arxentina, pero é en México onde acadou un certo renome como xastre. Non sei se o Tío Baldomero era bo coa agulla, pero dende logo era bo coa publicidade. O seu eslogan, "Ofrecemos os prezos mais altos da Capital" foi un torpedo na liña de flotación dun certo público adiñeirado, ese que basea as súas decisións no prezo das cousas. Eu, que coñezo a algúns elementos do pau, só podo rir pensando no Tío Baldomero enchendo o peto cos cartos daqueles que mercaban as súas traxes por ser as mais caras. Contan, na miña familia, que chegou a traballar para a Presidencia de México, que non é moco de pavo para alguén nado nunha aldea que tes que buscar con encono para atopala, de puro pequena. O famoso anglicismo "My tailor is rich" é moi aplicable á historia do Tío Baldomero, que deixo inconclusa polo momento. Como boa historia real, o seu final non é feliz, pero terei que escribilo outro día.


Non é unha broma, ollo. Os prezos mais altos da Capital.


Polo  momento, estamos en Irlanda, estou contándolle a alguén que, hai dez anos, Billy estaba a contarme que, anos atrás, coñeceu ó meu tío bisavó, o famoso Tío Baldomero. Contoume, incluso, que mercara unha das súas traxes. E eu, a cambio, conteille esta historia sobre o que é un dos mais pintorescos persoaxes da miña familia. E rimos, por suposto, porque o mundo é pequeno e as probabilidades de que dúas persoas sen mais vínculos que unha visita casual, unha cortesía hacia unha terceira persoa allea ao feito, tiveran un fío tan estraño en común, son, canto menos, escasas.


Esta foto é unha merda, pero é o Wyrm de Bré. Para min, é a imaxe do pobo.


Billy morreu pouco despois. Os médicos lle deran seis meses, e marchou deixando unha lembranza sorrinte nos seus veciños e amigos. E a min deixoume a historia do irlandés que mercara unha traxe ó xastre do Presidente de México, que era o Tío Baldomero, o que marchou a facer as Américas e voltou case como unha lenda. É unha das miñas historias favoritas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario