sábado, 1 de abril de 2017

Lembranzas de Irlanda: Binn Éadair e a hospitalidade.



Terceira e, agás que mañan sexa un día mellor do esperado, derradeira entrada da serie sobre Eíre. Hoxe, vou falarvos do que é un dos pobos máis bonitos do Condado de Finegal -un invento administrativo para administra-la zona de Áth Cliath- e da Costa Este: Binn Éadair.




Binn Éadair érguese na cara norte do Cenn Bhin Éadair -non son moi orixináis cos nomes, se tes unha montaña nun pobo, chámase "Nomedopobo Head"-, unha antigua illa, hoxe península, que pecha polo norte a bahía de Áth Cliath. Da súa xeografía destacan os acantilados que percorren o Cenn e a illa coñecida como "Ollo de Irlanda", reserva natural por ser punto de paso de moitas aves. É un pobo pequeno, agradable e -cousa rara rarísima en Eíre- pesqueiro. Por todo isto e por ter conexión directa, vía DART -que en gaélico debe significar tren do demo máis lento que as obras do AVE galego- é un dos destiños máis populares para os turistas. Xa dixera que odio ter turistas ó meu arredor, pero o de Binn Éadair era outro nivel, entre outras cousas, porque eran todo estudantes de 15-17 anos, moitos deles españóis e maleducados. O feito de que, tendo iso en conta, collera o DART de volta contento coa visita pode darvos unha idea do agradable que é o pobo.




Pode que o feito de ter comido peixe -bo, pota, pero seafood any way- influíra un pouquiño. Pero a verdade é que foi unha visita interesante que terei que repetir, porque deixara cousas sen ver, algunhas delas importantes. Se tedes a oportunidade de visitalo, non deixedes de percorre-lo porto e disfrutar dos cantantes de folk que pódense atopar ó longo do camiño. E, por suposto, se levas o tempo suficinte en Eíre, para recarga-las pilas comendo nun dos moitos restaurantes de pescado do porto, fresco e desembarcado na mesma mañan. 


Comin ben e barato -barato para ser Eíre-, de xeito que vou deixalo recomendado.


Binn Éadair foi invadido polos nórdicos no século IX e, cando o Alto Rei de Irlanda rexeitou ós norses no XI, foi o punto onde reagrupáranse cara a unha nova batalla, que aconteceu en Fingal cunha nova victoria do Alto Rei. Dende ese momento, Binn Éadair cambiou de mans, sendo controlada alternamente polos irlandeses e os norses ate a chegada dos normandos no século XII, sendo un dos puntos de entrada para a conquista normanda de Eíre. Foran eles os que estableceran o título de Conde de Howth, aínda activo.




E son os Condes de Howth os co-protagonistas dunha curiosa historia. A outra é a famosa pirata irlandesa Gráinne Ní Mháille. A de Gráinne é unha figura de lenda en Eíre, en boa medida polo seu xénero e o xeito no que moveuse en roles tradicionalmente masculinos, non só por pirata, senon por ser a cabeza dun Clan, algo pouco habitual dende a chegada á illa do cristianismo. Contemporánea de Isabel I de Inglaterra, coa que tivo unha relación curiosa canto menos que rematou cun perdón real e a concesión de terras a antiga pirata, Gráinne foi coñecida como a Raíña do Mar de Connacht. E conta a lenda que, en 1576, Gráinne chegou unha noite a Binn Éadair e dirixiuse ó castelo dos Condes de Howth, pedindo cea e cama para pasa-la noite. Pero, ó chegar, Gráinne atopou pechadas as portas, e o Conde negouse a abrilas. Gráinne o considerou non só unha ofensa persoal, senon unha violación das leis de hospitalidade irlandesas -como cabeza dun Clan, malia a súa ocupación, Gráinne era nobre-, de xeito que decidiu vengarse secuestrando ó fillo e herdeiro do Conde.




E diredes, "Bo, unha pirata secuestrando ó fillo dun nobre, o pan noso...". Sí. E non. Porque Gráinne, dándome a razón cinco séculos antes do meu nacemento, demostrou que os irlandeses son xente especial. Para libera-lo fillo do Conde de Howth, Gráinne non esixiu ouro nen xoias, senon algo moito máis sinxelo: que, en adiante, no castelo dos Condes, houbera sempre espazo e cea para un visitante inesperado e que as portas de Deer Park, as terras do Conde, ficaran sempre abertas. E o Conde cumpriu, de xeito que as portas do seu estado continúan abertas a día de hoxe e, nas ceas oficiáis no castelo, sempre hai unha cadeira e unha cea dispostas por se un visitante inesperado chegara e solicitara a hospitalidade dos herdeiros dos Condes.





A importancia das leis de hospitalidade na cultura celta e o xeito nos que os normandos conqueriran Eíre -como minoría- fixo que, cinco séculos tra-la conquista, unha infracción deste xeito fora vista como unha gran ofensa, non só contra o perxudicado, senon contra toda unha cultura e un pobo, ate o punto de deixar unha marca en forma de tradición que pervive ate o día de hoxe. Os irlandeses son moi irlandeses e moito irlandeses.

En resumo, a de Binn Éadair foi unha boa visita, tanto no turístico como no cultural, que permitiume achegarme un pouco máis á idiosincrasia dun pobo, o irlandés, tan próximo e ó tempo tan distante do noso. Abondarei máis adiante nese tema porque, dalgún xeito -que é a verdadeira razón desta serie-, creo que Eíre e Galiza, coas súas diferencias, comparten algunha clase de vínculo cultural, vestixio de historias irmás e que, canto máis coñezo de Eíre, máis preto estou de coñecer Galiza.



luns, 27 de marzo de 2017

Lembranzas de Irlanda: The rare ould times.



Fare thee well, sweet Anna Liffey,
I can no longer stay
and watch the new glass cager
that spring up along the quay.
My mind's too full of memories,
too old to hear new chimes,
I'm a part of what was Dublin
in the rare ould times.

É difícil escoitar en The Rare Ould Times ó pobre Sean Dempsey e non sentir unha certa pena. Sean, o narrador desta canción interpretada por Flogging Molly ou The Dubliners, entre outros, fala do xeito no que "Dublin Town" convértese, día a día, nunha cidade moderna. Dixera xa na derradeira entrada que o concepto irlandés de cidade non é o mesmo que o noso, pero aínda tendo iso en conta, o proceso de modernización foi moi traumático para moitos dublineses. Malia que xa era a capital, Dublín mantivo e mantén o título de "Pobo" con orgullo. E logo en Madrí pensades que sodes orixináis. De feito, o nome en gaélico é Baile Átha Cliath inclúe a palabra "Baile", que significa, precisamente, pobo.


Anna Liffey é o nome popular do río Liffey, que atravesa Áth Cliath.


Os dous nomes de Áth Cliath fan referencia, dalgún xeito, ó río Liffey, o gaélico a un vado con cañizo, e o anglonormando a unha "lagoa negra" das que abondaban na zona. E é que a doce Anna (do gaélico an, río) é parte importante da vida da cidade. Históricamente, Áth Cliath asentábase na marxe sur do río, onde atópanse a maior parte dos distritos e monumentos históricos. Pero a súa poboación creceu e, cando chegou o momento, cruzou o río para conqueri-la marxe norte e crecer polo que hoxe son os suburbios máis modernos. É por iso que un tour polo Town basease na marxe sur, onde pódense atopar a maior parte dos monumentos e pubs.


Merchant's Arch é unha das entradas máis coñecidas e estreitas de Temple Bar.


O certo é que, desta volta, tiña menos ambicións que cando cheguei en Novembro, e moitas das cousas que Áth Cliath pode ofertar xa as tiña vistas. É unha cidade pequena, sen moito que ver en cantidade, pero -e iso é o máis importante- é unha cidade con moitos detalles. Parece unha chorrada, pero podería pasexar por algunhas zonas da marxe sur do Liffey mil veces e atopar algo novo á mil e unha. Hai cidades así, de detalle máis que de grandeza, e sen dúbida son das que máis disfruto. Por iso vou amosarvos unha parte moi pequena de Áth Cliath: onte non tiña intencións de visitar toda a cidade, senon de tentar de capturar a esencia da mesma. E, por iso, escollín Temple Bar e os seus arredores. 





O bo de Temple Bar é que é ten moitísima vida. O malo é que está cheo de turistas. Que sí, que eu son turista tamén, pero non por iso vou deixar de queixarme polos demáis. Empreguei boa parte do día nunha andaina pola zona e a outra boa parte no Temple Bar -o pub Temple Bar, un dos máis famosos da cidade e que defende que a zona chámase así polo pub, e non ó revés-, escoitando a unha das súas afamadas bandas de música tradicional cun whiskey na man. O Temple Bar é bastante grande, pero é difícil atopalo baleiro, pois goza dunha fama ben merecida pola calidade das bandas que sempre -sempre- están dando concertos e polo seu whiskey da casa. Como curiosidade, é neste pub onde, entre o 12 e o 17 de Xuño de 2011, o guitarrista Dave Browne bateu o record Guinness de actuación de guitarra máis longa con 114 horas. É, sen dúbida, un must para calqueira de visita en Áth Cliath. 

A verdade é que non hai moito máis que contar, foi unha visita máis de detalles xa digo, de xeito que vou deixarvos algúns máis en forma de fotografías. Que as disfrutedes.


Mercado de libros de segunda man. Levo tres mapas do s. XIX á casa.


Outra cousa non, pero as cousas craras. 


The Quarter Mile foron os encargados de ameniza-la tarde no Temple. Bestiáis.


Pebeteiros e banderíns sen motivo aparente. 


A de Molly Malone é unha canción triste, 
considerada himno non oficial de Áth Cliath.


É o mellor anuncio de ostras que vira. Ese punto de sutileza irlandesa...


Aquí o tempo non pérdese, invértese.


Tra-la visita ó Temple Bar, e despois de mercar tres mapas antigos no mercado de libros de segunda man -cando un é un freak, o é ate fora do país-, dirixinme á marxe norte, onde álzase a General Post Office, escenario do Alzamento de Pascua, destruido polos británicos durante o mesmo e que aínda conserva na fachada as marcas de disparos. E, diante dela, The Spire, a escultura máis alta do mundo e motivo de orgullo para os Dublineses. De feito, fun só para facer esta foto que molaba moitísimo máis na miña cabeza, porque eu gostar, o que dícese gostar, non gosto dela. Pero bo, eles sí, que é o importante.


Que digan o que queiran, é un pau. Un pau enorme, pero un pau.


E volta a casa. Polo camiño tive a oportunidade de admirar unha imaxe preciosa -a que vai pecha-la entrada- no cume do GPO. Unha pena non ter a capacidade de reproducila tal como eu a vira, pero o vento e a luz fixeran causa común coa miña carencia de habilidade. Tras pasar outros quince minutos tentando de atopa-la foto perfecta, rendinme á evidencia e crucei a ponte de O'Conell, da que non hai foto, en boa medida, porque é a única ponte máis ancha que longa do mundo -de feito, a primeira vez que a vira pensei que era unha praza- e á que teño un certo cariño, porque nos seus catro recantos érguense sendas bandeiras das catro provincias de Irlanda. É unha imaxe bonita de ver, e foi a derradeira do día antes de colle-lo tren en Tara e voltar a Bré.


A alegoría de Eíre coa bandeira ó vento. E isto non é nada...


Vai quedando pouco para rematar esta viaxe. Teño aínda algunhas cousas no tinteiro sobre a Illa Esmeralda. Espero que esta serie vos meta no corpo as ganas de viaxar e coñecer esta terra que, para min é tan especial e próxima á propia Galiza.

mércores, 22 de marzo de 2017

Lembranzas de Irlanda: Bré e o seu Wyvern.



Estou en Irlanda. Levo un rato tentando de atopar unha entrada con gancho para vos, pero non teño o día de frases, de xeito que só vou comenzar cun "Estou en Irlanda". Como hai uns meses, estou traballando nun pobo ó sur da capital (en realidade, ó norte de Cill Mhatáin) para un colexio español. Xa coñecera o pobo hai anos, porque estudara no mesmo colexio e, en esencia, estou de profesor duns nenos que están a facer o que eu fixera hai once anos. Algo xa vos contara. O bo que teño é que, desta volta, non son novo xa, e a inquetude pódeme, de xeito que estou aproveitando para moverme un pouquiño máis que o mes pasado, procurando cousas que fotografiar e historias que contar. "E, por onde vas empezar?", preguntaredevos. Pois polo principio, por suposto. E, cando tes unha base de operacións, o máis lóxico é empezar por iso.


Bré, malia que non é parte de Baile Atha Cliath (Dublin), senon de Cill Mhatáin (Wicklow), é parte da coroa metropolitana da capital, a trinta kilómetros do Town. É, en boa medida, un pobo subsidiario que creceu nas derradeiras décadas á sombra da capital, ate chegar ós 30.000 habitantes sen crecer en tamaño. O poboamento irlandés é moi similar nalgúns aspectos ó galego, pois é moi disperso, pero cunha orde e unha elegancia typical british. O concepto de cidade é para eles diferente ó noso. De xeito, o tamaño do "pobo", é dicir, do que poderíase chamar centro, é o dun pobo de, como moito dous ou tres mil habitantes, cunha sóa rúa principal. A maior parte de Bré son os chamados "states", un punto intermedio entre urbanización e rúa. Xeográficamente, Bré ubícase na súa propia bahía, que comenza en Deilignis, final da bahía de Dublin, e remata nos acantilados que separan Bré de Na Clocha Liatha, baixo o Ceann Bhré. En tempos medieváis, foi o remate sur da comarca de An Pháil (A Empalizada), a comarca baixo goberno directo dos Reis de Inglaterra.




Os irlandeses son xente estrana, dun certo xeito. Malia que é un dos países máis similares ó noso en moitísimos aspectos e un daqueles nos que menos estranxeiros sentímonos (agás co pescado, caghonacona, o do puto pescado non ten nome), teñen algúns puntos na súa personalidade que reflexan unha sociedade moi peculiar. Cando che contan sobre o Alzamento de Pascua, por exemplo, atopas (documentado) que os líderes sabían que non ían triunfar, porque non tiñan apoio suficinte pero que o mero feito de alzarse e sufri-lo rexeito dos propios irlandeses faría máis forte a causa republicana. E así foi, o alzamento tivo pouco apoio por parte do pobo que, tra-lo seu fracaso, mudou a súa opinión e comenzou a camiñar cara á independencia. Están tolos estes hibernos.

Pero, para min, esta tolería ten unha historia aparexada a Bré e o seu xa mentado noutra entrada Wyvern.



Contábanos Fiona, a profesora que tive os dous anos que vira á Illa, que o Wyvern foi un "regalo" do Señor feudal de Bré, Lord Meath. Os Brabazon (coñecidos popularmente como Brabs) foron señores de Kilruddery, preto de Bré, dende o século XVI e, en 1627, foran creados Condes de Meath. Descoñezo, persoalmente, o motivo do nome do título, ostentado tamén por unha das cúige ou provincias orixinais, na que asentábase Tara, a Corte do Alto Rei de Irlanda, e polo actual Condado de Meath, moito máis ó norte que Bré. O caso, que marcho polas ramas, é que, dende 1627, os Brabs foron Condes de Meath e señores feudáis de Bré, onde eran coñecidos co título de Lord Meath. Aconteceu entón unha revolta polos impostos que Lord Meath sofocou con dificultade. Ó normal para un can. Pero Lord Meath, que considerábase un bo señor, sentiuse traicionado polo seu pobo, e mandou erguer diante da Casa do Concello -agora un McDonald's, a inxustiza do mundo moderno faime chorar- a estatua dun Wyvern sostindo o blasón da súa Casa (de gules á banda de ouro cargada de tres merletes de sabre) cunha inscrición que pide ás futuras xeracións lembrar o vil e traicioneiro do ingrato pobo de Bré, que ergueuse contra o seu bo señor por unha causa inxusta. O mellor? Que a xente de Bré non só mantén o Wyvern, senon que síntense moi orgullosa da estatua na que o seu señor chámalles traidores.

O certo é que non fun capaz de atopar esa historia noutras fontes. Pero bo, as mellores historias non vas atopalas dun xeito sinxelo.

·~·~·~·~·~·~·~·~·~·~·~·~·~·~·~·~·~·~·~·~·~·~·~·~·~·~·~·~·

Este blog non é senon fuxir hacia diante, e as cousas veñen como veñen. E agora... bo, agora toca Irlanda. Teño intencións de continuar deixando testemuña das miñas andanzas pola Illa Esmeralda, e esta é só a primeira dunha serie de entradas sobre a verde Erín.


Aínda queda moito camiño por percorrer.

xoves, 9 de febreiro de 2017

Fuxindo - Baiona e A Guarda

Cando Lorca escribiu aquilo de...

Chove en Santiago,
meu doce amor,
camelia branca do ar,
brila, entebrecida, ao sol.

...estou convencido de que non tiña en mente a costa galega con temporal. Non é por nada, pero os temporáis en Galiza son mais dun jar roc jaleluya  que de verbas doces. Pero Lorca non era galego, senon granaíno, e teño que disculparlle o erro. Bastante temos que agradecerlle o interese que tivo na nosa terra como para discutir con él sobre se a choiva en Galiza é algo do que cantar con embeleso.

O caso é que, malia que en Madrí haxa quen non quera creelo, estamos a disfrutar dunha racha de temporáis deseñados para lembrarnos que o verde non é de balde. Que xa estábamos nós a pensar que o de Galifornia non era unha mala broma. As últimas semanas foron choiva e vento, un pouco para darlle a razón á xente que pensa que Galiza é... bo, iso, choiva e vento. Agás onte e hoxe, por certo. E eu, que levo as últimas semanas rosmando por non poder saír a facer fotos, tive a oportunidade de saír da cova. Onte fun a Canido, que ten un porto pequeno e bastante mono (unha vez decides non mirar hacia Vigo, que rompe un pouco a maxia), e hoxe, cun novo temporal pisandome os pés, a Baiona e A Guarda.


A borrasca que temos diante de Galiza é unha pasada.
Os créditos da imaxe son para a NOAA.


A Guarda é o estremo suroccidental de Pontevedra, ese recuncho xunto a Portugal. De feito, teño bastante craro que o nome é unha referencia á súa condición de posto fronterizo. A miña idea era ir Á Guarda para visitar Santa Trega, o derradeiro dos montes da costa galega. Pero, para iso, tiña que percorre-la costa que queda ó sur de Vigo, unha das miñas rutas favoritas. Esta estrada pasa por Nigrán e Baiona, que é un dos pobos mais bonitos de Galiza. Mais adiante, chegamos á curva de Baiona, lugar temido e con motivos polos estudantes de Ciencias do Mar de Vigo, unha curva umbría á que os profesores de Xeoloxía de primeiro teñen a ben levarnos para quitarnos da cabeza o romanticismo sobre a carreira. Pero esta vez era eu quen decidía a actividade e, pasando de fallas e diaclasas (perdoade, en serio, non era o día), fun ó miradoiro de enfrente. Porque a curva non só é un dos exemplos mais accesibles de formacións xeolóxicas preto de Vigo, tamén é un dos mellores oteadeiros da zona para observar oleaxe pola súa situación e forma. Hai tamén outro cerca da Cuncheira, non moi lonxe, pero penseino tarde.




A verdade é que, sen ser o mais espectacular que vira, hoxe estaba francamente espectacular e pasei un bo rato botando ráfagas a distintos trenes de ondas. Converxían dúas circunstancias positivas, a verdade, dunha banda o temporal que viña e, doutra, que o tempo era bo aínda en terra, de xeito que tiñamos ondas de pretemporal sen choiva. 


Mais simpática a gaivota...


Seguindo a liña de costa, atopeime cun cartaz que sinalaba ó faro de Cabo Silleiro. E collín á esquerda, porque non o coñecía e iso é algo realmente pouco disculpable. A importancia de Cabo Silleiro é puramente xeográfica. Aínda que moita xente considera que a Ría de Vigo termina pola zona de Cabo Estai, o certo é que A Ramallosa é aínda parte da ría. O punto que marca o fin da mesma é Cabo Silleiro, visita obrigada no tour das Rías Baixas polas súas vistas das Cíes. Esta zona ten a particularidade de ter sido un dos puntos importantes da defensa naval da costa galega recente, amosando varias torres defensivas, algunhas con cañones inutilizados.


O faro estaba pechado, por desgraza.


Despois de Silleiro, chega a costa que comprende os Concellos de Oia, O Rosal e A Guarda, unha rara avis da fisionomía costeira galega. ¿Por qué? Pois porque é unha recta. ¡Unha puta recta!¡Na costa galega! A verdade é que non é o único particular da zona. O tramo entre Silleiro e o Miño é, literalmente, unha serra ó borde da mar. Non sei que pasaba pola cabeza dos primeiros homes que chegaron alí e dixeron "Oh, qué sitio mais fantástico para monta-la aldea, ¿non?". Toda a franxa é un talud continuo sen un mísero recuncho de terra chá. Mentres percorres a estrada cara a Portugal vas deixando á esquerda as montañas e a civilización, e á dereita o mar aberto que, en días como hoxe, é un espectáculo de espuma. Hai estradas que tes que ver en días como o de hoxe. Ó final, chegas Á Guarda, na desembocadura do Miño, un Concello no que pódense atopar moitas cousas de interese. Pero hoxe tocaba Santa Trega, e alí subin. Santa Trega é outro dos destinos obrigados para os estudantes de Ciencias do Mar, que aínda que queixémonos, tamén imos a sitios bonitos. Pero, mais que pola súa interese xeolóxica, Santa Trega é un sitio que calqueira pode disfrutar, grazas ó seu castro celta e ás impresionantes vistas que hai na cúspide.


O Castro de Santa Trega foi bastante grande, mais do que aparece na imaxe. Algúns edificios foron reconstruidos, pero a maior parte só foi escavada.


Unha vez no pico, a panorámica é xenial, mires onde mires. Ó norte, o camiño xa percorrido, co porto de A Guarda ós pes. Ó este, os xiros fináis do val do Miño, coas súas illas. Ó sur, Portugal, co forte de Ínsua na súa illa. E, finalmente, o mar. Pensaba traervos fotos que respaldaran as miñas afirmacións, de verdade.


Algunha teño, ¿vale? A desembocadura do Miño dende A Guarda.


Pero entón chegou o "furacán", como o chamaran no periódico, esa borrasca tan mona da primeira imaxe. E Santa Trega é bonita, pero non é un bo resgardo ante o temporal. Cun vento que levábase a cámara con trípode incluído, non tiña outra opción que pechar e marchar á casa. Deume moito noxo non ter a habilidade ou o equipo para seguir, pero o peor chegou xa no coche, mentres gardaba as cousas, cando a tormenta tocou terra arredor do monte e o mundo tornouse tempestade. Foi realmente espectacular, e se non teño queixas da viaxe de volta -que miña nai do amor fermoso - é porque síntome realmente afortunado de ter visto algo tan espectacular. Malia que non fora capaz de rexistralo para vos.


A foto é unha merda, pero iso é o temporal. Dez minutos precisou para chegar a terra.


Non era a miña idea facer posts deste xeito, sendo sinceiro. Pero, agora mesmo, estou limitado polo tempo para facer o que pretendo. Ogallá o disfrutedes tanto coma min, de todo xeito.

xoves, 19 de xaneiro de 2017

O traxe do Tío Baldomero.

Todo o mundo coincidía en que Billy era un bo home, dun xeito moi similar ó que aplicaban á súa muller, Joan. Eu coñecín a Billy en Bré, un pobo mediano da costa de Irlanda, onde fun un par de meses co colexio. O meu compañeiro o segundo ano, Pablo Gómez, xa quedara outros anos con Billy e Joan pero, ese ano, non acollían estudantes. Billy, contábanme, tiña un cancro, un deses cancros nos que o médico non pensa un tratamento, senón un prazo. Pablo e eu quedamos noutra casa do barrio, pero visitamos un par de veces a Billy e Joan ao longo do mes.


O Seafront de Bré. 


Pasados dez anos, entre Novembro e Decembro do ano pasado, voltei a Bré. Foi unha destas veces nas que unha mala situación vóltase do revés en forma de oportunidade e, de pronto, estaba camiño de Bré para traballar co mesmo Colexio co que fun á Illa Esmeralda. Non vou aburrirvos cos pensamentos de alguén que volta a un sitio especial dez anos despois, non hoxe, alomenos, pero é preciso para introducir. Chegado a Bré descubrín, entre outras cousas, que Joan aínda acollía estudantes, e que a xente aínda lembraba a Billy. E, cando saía o tema, eu lles contaba a historia do traxe do Tío Baldomero.


Hai dez anos, nunha das visitas á casa de Billy e Joan, Billy entendeu o meu apelido. Durante os anos que estive en Madrid, os compañeiros coñecíanme como Pereira -práctico cando tes tres ou catro Pablos no curso-, e Pablo chamábame así. Supoño que algunha xente non chegou a saber que Pereira non era o meu nome, pero Billy deuse conta, e fixo unha das preguntas mais curiosas que recibira nunca. Preguntou se tiña un familiar que fora xastre en México. E eu, cos ollos como pratos, respondín que sí. Billy estaba a falarme do Tío Baldomero.


O Tío Baldomero cunha coroza.


O Tío Baldomero -que é unha destas persoas que levan o parentesco como un título, do mesmo xeito que dirías "Doutor" ou "Don"- foi un caso. Tío do meu avó, decidiu facer as Américas e cruzou o charco. A súa foi unha desas vidas que poderían inspirar unha novela, con viaxes, reveses, triunfos, e amores, como a bailaora coñecida como "La Argentinita", da que aínda temos fotos e un par de castañolas. Viviu na Arxentina, pero é en México onde acadou un certo renome como xastre. Non sei se o Tío Baldomero era bo coa agulla, pero dende logo era bo coa publicidade. O seu eslogan, "Ofrecemos os prezos mais altos da Capital" foi un torpedo na liña de flotación dun certo público adiñeirado, ese que basea as súas decisións no prezo das cousas. Eu, que coñezo a algúns elementos do pau, só podo rir pensando no Tío Baldomero enchendo o peto cos cartos daqueles que mercaban os seus traxes por ser os mais caros. Contan, na miña familia, que chegou a traballar para a Presidencia de México, que non é moco de pavo para alguén nado nunha aldea que tes que buscar con encono para atopala, de puro pequena. O famoso anglicismo "My tailor is rich" é moi aplicable á historia do Tío Baldomero, que deixo inconclusa polo momento. Como boa historia real, o seu final non é feliz, pero terei que escribilo outro día.


Non é unha broma, ollo. Os prezos mais altos da Capital.


Polo  momento, estamos en Irlanda, estou contándolle a alguén que, hai dez anos, Billy estaba a contarme que, anos atrás, coñeceu ó meu tío bisavó, o famoso Tío Baldomero. Contoume, incluso, que mercara un dos seus traxes. E eu, a cambio, conteille esta historia sobre o que é un dos mais pintorescos persoaxes da miña familia. E rimos, por suposto, porque o mundo é pequeno e as probabilidades de que dúas persoas sen mais vínculos que unha visita casual, unha cortesía hacia unha terceira persoa allea ao feito, tiveran un fío tan estraño en común, son, canto menos, escasas.


Esta foto é unha merda, pero é o Wyrm de Bré. Para min, é a imaxe do pobo.


Billy morreu pouco despois. Os médicos lle deran seis meses, e marchou deixando unha lembranza sorrinte nos seus veciños e amigos. E a min deixoume a historia do irlandés que mercara un traxe ó xastre do Presidente de México, que era o Tío Baldomero, o que marchou a facer as Américas e voltou case como unha lenda. É unha das miñas historias favoritas.

sábado, 7 de xaneiro de 2017

¿Por qué?

Sempre é dificil comenzar un blog. A idea está, pero entón tes que escribir as primeiras letras e o mundo vóltase do revés. Pode que o mellor sexa falar de min para aqueles que non tiveran a enorme sorte de coñecer a alguén tan humilde coma eu. O meu nome é Pablo Pereira pero, dende hai uns anos, a maior parte da xente coñéceme como Lume. Son descendente de emigrantes galegos e, ao contrario que moitos, tive a sorte de voltar a Galiza. Se precisas mais para comprender por qué estou namorado de Galiza que iso, non vas entendelo. Teño a teoría de que os emigrantes e fillos de emigrantes que voltamos á terra temos un sentimento de apego case raiboso, unha visión de Galiza que outros -tanto os propios galegos como os emigrantes que chegan a Galiza dende outros lugares- non chegan a ter. É unha visión que cheira a libros vellos, a poesía, a fotografías, ao que, na nosa pel ou na dos nosos pais e avós, constitúe a lembranza dunha terra como a nosa. A forma que temos os fillos da emigración de ve-la nosa terra é algo especial, un xeito case relixioso.


A miña relación con Galiza comenza tarde. Tiña deceséis anos cando decidin que quería vivir en Galiza e estudar galego. Por iso, durante os dous anos do Bachelerato en Madrid, lin tanto como atopei en galego que, por sorte, e grazas ao meu avó, é bastante. A base do meu galego é A queixume dos pinos e a Pequena escolma, xunto con un poemario de varios autores. Durante dous anos, tentei de aprender unha lingua nova sen axuda, sen dirección pero, cando chegou a hora, tiña xa bastante camiño percorrido. Tiña un bo nivel de comprensión lectora e escribía aceptablemente (mellor que moitos, descubriría mais adiante), pero tiña un buraco enorme na fala. Pero bo, pensei, vou vivir en Galiza, falar galego cando tes os rudimentos da lingua é o sinxelo. Primeiro e fatal erro, por suposto, pois este blog escríbese dende Vigo. Non quero confundirvos, gústame Vigo e considero deberlle moitas cousas, pero se algo é Vigo é unha cidade castelá. E alí cheguei eu, pensando que tería a oportunidade de aprender a falar falando -Voar é un delicado arte, dicía Arquímedes, o buho de Merlín, e o mellor xeito de aprendelo é voando-, e atopei unha realidade moi diferente. Quero, por iso, pedir disculpas por adiantado polos castrapismos e polo limitado do meu vocabulario en galego, froito dunha educación mais paixonal que formal e dunha sociedade que non valora a lingua como o fago eu. Poderíamos ter longas charlas acerca dos motivos e causas da baixada da poboación galegofalante, pero iso xa cheira a política. E non é o obxectivo do blog. 


A primeira impresión que levei de Galiza foi unha perda de inocencia bastante tocha. Eu soñaba cos poemas de Pondal e Rosalía, coa afiada verba de Castelao, cunha cultura que consideraba a miña herdanza, e atopei esquecemento. Levo case seis anos vivindo en Vigo e, aínda que sigo namorado de Galiza, teño unha perenne sensación de abatemento polo futuro. Vexo aldeas baleiras, vexo unha terra abandoada, esquecida pola súa xente. Vexo a morte daquelo que mudaba o tono de voz do meu avó. Pero tamén vexo aínda aquelas cousas que fan brotar en min o sentimento cálido do fogar. Vexo a luz do sol entre as Cíes, sinto o vento da Serra da Capelada, escoito unha gaita arrancar as bágoas do fondo da miña ánima. Queda espranza, como o amencer ó través das cinzas tra-lo lume. 


Non é o meu primeiro blog, pero pode que sexa o mais importante. Quero convertir este espazo no meu recuncho para comparter Galiza tal e como eu a vexo. E, se lendo o que escriba ou mirando ás miñas fotos, podo conseguir de vos un sorriso ou unha bágoa de emoción, a viaxe non será en vano.


Por iso, a pregunta do título só pode responderse, alimentando os tópicos, con outra pregunta: ¿Por qué non?


Remato esta intro sen mais interese cunha das mellores fotografías que teño, da man do meu pai, na Serra da Capelada hai tres anos e medio. Do céo á mar nunha ollada. Non hai mellor xeito de iniciar o percorrido que o lugar onde has de voltar de morto se non fuches de vivo.